Clube Mariño Salnes

Conservando o Patrimonio Marítimo de Cambados dende 1998

viernes, 12 de junio de 2015

A Julicheira de voda

Esta fin de semana, a nosa dorna polbeira "Julicheira", vaina pasar na terraza do Gran Hotel da Toxa como estrela convidada dunha voda de alto copete. 

Con tal motivo, onte quedou varada fronte ao Gran Hotel, co istmo da Lanzada a unha banda e a Ría de Arousa na noutra..., que máis se pode pedir.





Vista exterior do antigo Gran Hotel da Toxa
 

Imaxinamos que o sábado (día da cerimonia), os convidados ao enlace matrimonial, fartaranse de quitarlle fotos e o noso Miguel (contratado para atender a dorna en todo momento), explicaralles aos que se acheguen á dorna, as características e a impronta desta tipoloxía de embarcación tradicional tan senlleira da nosa cultura mariñeira.

 Operación de varada:
 
 




 Dentro das nosas posibilidades e coñecementos, pensamos que a Julicheira e o CMS, imos estar a altura das circunstancias para representar o traballo de conservación do patrimonio marítimo que levan facendo dende anos, as moitas asociacións de cultura marítima da Ría de Arousa. Desta vez, a Julicheira terá a responsabilidade de representarnos a todos dende un magnífico escenario, onde persoas relevantes do noso goberno (o memo Presidente da Xunta vai asistir ao evento), poderán comprobar a saúde e o traballo de conservación do colectivo da FGCMF por manter vivo un patrimonio que doutro xeito, sería tan só un triste parque xurásico da nosa cultura mariñeira.  
 







E isto non é ningunha brincadeira, e se non fose por este esforzo conservacionista, as vellas embarcacións de madeira non se poderían ver máis que antigas postais, como lle pasou ao mesmo Gran Hotel, substituído por un adefesio acorde á moda do momento. 

Disto...



e isto...

pasamos a isto:




 En fin, que ao patrimonio marítimo galego non lle pase coma ao Gran Hotel da Toxa e dende logo, que non teñamos que ver cousas tan vergoñentas coma esta, onde a dirección do complexo hoteleiro da Toxa, "recomendan" aos empregados non empregar o galego por cuestións de cortesía cos clientes.


     
 Digo eu, se poñen La Toja, porqué non poñen Hotel Loujo?

Ben, nós ao noso, a cumprir co noso papel de espallar a nosa teimuda aptitude de manter as cousas para que non se perdan no esquecemento, iso e o que vai tentar amosar a Julicheira esta fin de semana a esa parella de noivos, coa esperanza de que se retraten a carón da dorna e que un día os seus fill@s vexan as imaxenes e pregunten: -Que barco máis bonito, que é?, e os seus pais lles respondan sen dúvida: - é unha Dorna. 

















      

E para rematar, imos nomear á Muller de Balboas para que non se nos poña "celosa", e así está no interior da nave, tan bonita coma sempre, agardando a que chegue a vindeira semana para regresar ao mar.





E máis nada, simplemente desexar aos noivos (María e Bruno) que sexan felices, que coman moitas sardiñas (que disque son boas para o corazón), e que lembren que un día, os seus nomes estiveron a bordo da Julicheira, a nosa dorna polbeira, coa vela enchida de bos desexos.


lunes, 1 de junio de 2015

NOVA SEDE

Este sábado estreamos sede en Tragobe. Logo de 17 anos ocupando un baixo na “escalinata” de San Tomé, agora afrontamos unha nova etapa no departamento nº 57 do porto de Tragobe, moi preto da lonxa e fronte mesmo da nova nave de descarga de moluscos da Xunta de Galicia.


Lonxa. Porto de Tragobe. Cambados

Para que vos fagades idea de onde andamos agora, aquí van dúas fermosas imaxes da foto-xornalista Mónica Irago, tomadas dende Tragobe na pasada campaña da vieira:






A nova sede ten, coma todo, as súas vantaxes e tamén, os seus atrancos, e si por unha banda gañamos en espazo dispoñible -mesmo para invernar as embarcacións-, por outra banda, é certo que imos botar de menos a escalinata, a rampla de varada e a praia de San Tomé, e sobre todo aos veciños deste barrio que sempre nos amosaron o seu cariño por coidar dos barcos vellos.



Vista da ribeira de San Tomé dende o antigio porto de San Tomé.
 


Fronte a antiga alameda de San Tomé





Arranxando á Lola na praia de San Tomé. Detrás, a escalinata e o Asilo.

Acabáronse as xornadas de asar peixe logo de navegar e as parolas cos veciños que se achegaban por alí, unha mágoa, pero as cousas mudan, e nós temos que pensar na funcionalidade da nova sede: auga, luz, espazo para invernar os barcos, proximidade do guindastre ou os amarres de Tragobe.

imaxes da nostalxia:



















Arranxos na Muller de Baboas. Varadsoiro de San Tomé. Maio de 2015



En fin, pois este sábado ocupamos a nave coas dornas para comprobar o espazo dispoñible e sobre todo, para acometer os derradeiros arranxos antes de comezar a tempada de navegación. Este ano, todo debe estar listo para a inspección de Capitanía Marítima que terá lugar nos vindeiros días, pero iso é outra historia que xa contaremos noutra ocasión, e de momento, aí vai unha escolma de imaxes da Nova Santa Sediña do Clube Mariño Salnés:













 











E para finalizar, deixamos o enlace Youtube onde podedes ver o video que se fixo para o festival Rumbo de Colisión onde se fai un percorrido pola Historia do Clube dende a súa fundación alá no ano 1998.










Coma sempre, animarvos a incorporar novos socios para navegar con nós
ÁNIMO