Clube Mariño Salnes

Conservando o Patrimonio Marítimo de Cambados dende 1998

jueves, 26 de noviembre de 2015

CESTA DE NADAL


Este ano fixemos unhas rifas para sortear unha cesta de productos locais e unha travesía en dorna e poder así recadar uns cartiños para manter as nosas dornas.





A cesta pódese ver no Bar A Traíña e podedes comprar rifas alí mesmo, tamén no bar A onte do Viño e como non, se atopades a calquera socio ou colaborador do CMS.





Sorte e Bo Nadal  

viernes, 12 de junio de 2015

A Julicheira de voda

Esta fin de semana, a nosa dorna polbeira "Julicheira", vaina pasar na terraza do Gran Hotel da Toxa como estrela convidada dunha voda de alto copete. 

Con tal motivo, onte quedou varada fronte ao Gran Hotel, co istmo da Lanzada a unha banda e a Ría de Arousa na noutra..., que máis se pode pedir.





Vista exterior do antigo Gran Hotel da Toxa
 

Imaxinamos que o sábado (día da cerimonia), os convidados ao enlace matrimonial, fartaranse de quitarlle fotos e o noso Miguel (contratado para atender a dorna en todo momento), explicaralles aos que se acheguen á dorna, as características e a impronta desta tipoloxía de embarcación tradicional tan senlleira da nosa cultura mariñeira.

 Operación de varada:
 
 




 Dentro das nosas posibilidades e coñecementos, pensamos que a Julicheira e o CMS, imos estar a altura das circunstancias para representar o traballo de conservación do patrimonio marítimo que levan facendo dende anos, as moitas asociacións de cultura marítima da Ría de Arousa. Desta vez, a Julicheira terá a responsabilidade de representarnos a todos dende un magnífico escenario, onde persoas relevantes do noso goberno (o memo Presidente da Xunta vai asistir ao evento), poderán comprobar a saúde e o traballo de conservación do colectivo da FGCMF por manter vivo un patrimonio que doutro xeito, sería tan só un triste parque xurásico da nosa cultura mariñeira.  
 







E isto non é ningunha brincadeira, e se non fose por este esforzo conservacionista, as vellas embarcacións de madeira non se poderían ver máis que antigas postais, como lle pasou ao mesmo Gran Hotel, substituído por un adefesio acorde á moda do momento. 

Disto...



e isto...

pasamos a isto:




 En fin, que ao patrimonio marítimo galego non lle pase coma ao Gran Hotel da Toxa e dende logo, que non teñamos que ver cousas tan vergoñentas coma esta, onde a dirección do complexo hoteleiro da Toxa, "recomendan" aos empregados non empregar o galego por cuestións de cortesía cos clientes.


     
 Digo eu, se poñen La Toja, porqué non poñen Hotel Loujo?

Ben, nós ao noso, a cumprir co noso papel de espallar a nosa teimuda aptitude de manter as cousas para que non se perdan no esquecemento, iso e o que vai tentar amosar a Julicheira esta fin de semana a esa parella de noivos, coa esperanza de que se retraten a carón da dorna e que un día os seus fill@s vexan as imaxenes e pregunten: -Que barco máis bonito, que é?, e os seus pais lles respondan sen dúvida: - é unha Dorna. 

















      

E para rematar, imos nomear á Muller de Balboas para que non se nos poña "celosa", e así está no interior da nave, tan bonita coma sempre, agardando a que chegue a vindeira semana para regresar ao mar.





E máis nada, simplemente desexar aos noivos (María e Bruno) que sexan felices, que coman moitas sardiñas (que disque son boas para o corazón), e que lembren que un día, os seus nomes estiveron a bordo da Julicheira, a nosa dorna polbeira, coa vela enchida de bos desexos.


lunes, 1 de junio de 2015

NOVA SEDE

Este sábado estreamos sede en Tragobe. Logo de 17 anos ocupando un baixo na “escalinata” de San Tomé, agora afrontamos unha nova etapa no departamento nº 57 do porto de Tragobe, moi preto da lonxa e fronte mesmo da nova nave de descarga de moluscos da Xunta de Galicia.


Lonxa. Porto de Tragobe. Cambados

Para que vos fagades idea de onde andamos agora, aquí van dúas fermosas imaxes da foto-xornalista Mónica Irago, tomadas dende Tragobe na pasada campaña da vieira:






A nova sede ten, coma todo, as súas vantaxes e tamén, os seus atrancos, e si por unha banda gañamos en espazo dispoñible -mesmo para invernar as embarcacións-, por outra banda, é certo que imos botar de menos a escalinata, a rampla de varada e a praia de San Tomé, e sobre todo aos veciños deste barrio que sempre nos amosaron o seu cariño por coidar dos barcos vellos.



Vista da ribeira de San Tomé dende o antigio porto de San Tomé.
 


Fronte a antiga alameda de San Tomé





Arranxando á Lola na praia de San Tomé. Detrás, a escalinata e o Asilo.

Acabáronse as xornadas de asar peixe logo de navegar e as parolas cos veciños que se achegaban por alí, unha mágoa, pero as cousas mudan, e nós temos que pensar na funcionalidade da nova sede: auga, luz, espazo para invernar os barcos, proximidade do guindastre ou os amarres de Tragobe.

imaxes da nostalxia:



















Arranxos na Muller de Baboas. Varadsoiro de San Tomé. Maio de 2015



En fin, pois este sábado ocupamos a nave coas dornas para comprobar o espazo dispoñible e sobre todo, para acometer os derradeiros arranxos antes de comezar a tempada de navegación. Este ano, todo debe estar listo para a inspección de Capitanía Marítima que terá lugar nos vindeiros días, pero iso é outra historia que xa contaremos noutra ocasión, e de momento, aí vai unha escolma de imaxes da Nova Santa Sediña do Clube Mariño Salnés:













 











E para finalizar, deixamos o enlace Youtube onde podedes ver o video que se fixo para o festival Rumbo de Colisión onde se fai un percorrido pola Historia do Clube dende a súa fundación alá no ano 1998.










Coma sempre, animarvos a incorporar novos socios para navegar con nós
ÁNIMO

sábado, 7 de febrero de 2015

RUMBO DE COLISIÓN: CARTEL E PROGRAMA


 COMEZA A CONTA ATRÁS
SÁBADO 21 DE FEBREIRO. SALON DE PEÑA. CAMBADOS
 




O PROGRAMA:

Como non podía ser doutra maneira, o FESTIVAL DE CULTURA MARÍTIMA: RUMBO DE COLISIÓN, dara comezo as 18.00h cunha Varada de Embarcación Tradicionais na praia de San Tomé. Por iste motivo convocamos a todas as asociación de cultura marítima para que vos acheguedes a Cambados coincidindo coa marea chea para varar na praia, izar as velas e compartir con nós un día de Festa con exposicións, actividades infantís, obradoiros, teatro e música..., moita música.




Seguiremos coas actividades para os pequen@s con xogos, obradoiros e teatro:


Os Xogos Populares, realízanse en colaboración coa Concellaría de Xuventude do Concello de O Grove, que presenta até 25 xogos populares e tradicionais: bolas, picas, espigos, ringleiras..., aquí van algúns.

CONTAMOS CON VOS!
















Tamén montaremos un OBRADOIRO DE CULTURA MARIÑEIRA que desenvolverán as Mariscadoras de Cambados: GUIMARTUR e a Asociación de Embarcacións Tradicionais "A Torre de Cambados":
            marisqueo        embarcacións tradicionais      velas e aparellos       artes de pesca

















E as 7h do serán, a COMPAÑÍA NELSON QUINTEIRO presenta en Cambados (Salón de Peña) o espectáculo PAPIROFLEXIAS: O ASTEROIDE DE PAPEL, unha montaxe teatral de música, son e papiroflexia.





E xa, a partir das 9,30h da noite, comeza o FESTIVAL ROCK:- RUMBO DE COLISIÓN




OS GRUPOS:

D´BALDE



 THE EVEN FLOW EXPERIENCE



 LEO ARREMECÁGHONA



 NOITE PECHADA



 SKALOPENDRA




E COMO REMATE, ou Fin de Festas: BATUKADA  con TRÓPICO DE GRELOS E OUTRAS SOPRESAS:


  












CONTAMOS CON VOS!!!!

ENTRADA DE BALDE
BARRA A PREZOS POPULARES

AH!, E COMO É SÁBADO DE PIÑATA, AGARDAMOS QUE VEÑADES DISFRAZADOS



RUMBO DE COLISIÓN. SÁBADO 21 DE FEBREIRO. SALÓN DE PEÑA-CAMBADOS
En nome do Clube Mariño Salnés: MOITAS GRAZAS A TODOS os Voluntarios Colaboradores, Participantes e Patrocinadores.

A carón do Patrimonio Marítimo dende 1998